CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez urxe no Cumio do Clima a acelerar a transición ecolóxica sen deixar ninguén atrás

Publicado o 24/09/2019 02:40
Pedro Sánchez urxe no Cumio do Clima a acelerar a transición ecolóxica sen deixar ninguén atrás

O presidente do Goberno en funcións ratificou en Nova York o compromiso firme e decidido de España na loita contra o cambio climático. Tras destacar que vivimos unha emerxencia climática sen precedentes e asegurar que a razón obriga a actuar agora, chamou a facelo "sen cebarse cos máis débiles".

O mandatario anunciou que España reducirá nas próximas tres décadas a produción e consumo de hidrofluorocarbonos en máis dun 80%. E confirmou que achegará 150 millóns de euros en catro anos ao Fondo de Nacións Unidas para apoiar os países en desenvolvemento na loita contra o quentamento global (din desde o Executivo que cos orzamentos prorrogados non hai máis marxe).

O Cumio de Acción polo Clima organizado por Nacións Unidas arrancou o compromiso de case setenta países, España entre eles, de redobrar os esforzos para cumprir a meta de que a temperatura media anual non suba máis dun grao e medio a final de século con respecto á época preindustrial. Iso si, non se sumaron os que máis contaminan: China, EUA, India e Rusia, que si ratificou a súa adhesión ao Acordo de París.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí