CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez só irá ao debate a cinco que inclúe a Vox

Publicado o 11/04/2019 19:41

Pedro Sánchez acepta participar no debate a cinco que inclúe a Vox na televisión privada. Non irá ao que propoñía a televisión pública cos líderes dos catro partidos con maior representación parlamentaria. Tampouco ao cara a cara con Pablo Casado.

O comité electoral do PSOE decidiu que Pedro Sánchez participe no debate a cinco con Iglesias, Rivera, Casado e Abascal que organiza a televisión privada. Alegan que Vox é un partido cunha intención de voto superior ao 10% e que se presenta en toda España.

Felipe Sicilia, voceiro do Comité Electoral do PSOE: "Este debate o que fai é representar as diferentes forzas políticas que agora mesmo están tendo relevancia no panorama político, aí está a enquisa do CIS, e, polo tanto, que todas elas se poidan expresar".

Unidas Podemos considera especialmente grave que Sánchez non vaia ao debate na televisión pública cos líderes dos catro principais partidos con representación parlamentaria.

Irene Montero, Unidas Podemos: "Os candidatos á presidencia deben aceptar todas as propostas de debate de candidatos á presidencia".

Tampouco acudirá o presidente do Goberno ao cara a cara co líder do PP que pretendía facer outra televisión privada.

Pablo Casado, presidente do Partido Popular: "O que fixo Aznar con González, o que fixo Rajoy con Zapatero, o que fixo Rajoy con Sánchez, resulta que Sánchez ten medo a facelo comigo, con nós".

Albert Rivera dixo nas redes sociais que ten moitas ganas de debater cara a cara con Pedro Sánchez para confrontar programas.

Noticias web

11/04/2019