Pedro Sánchez retoma os contactos para a investidura entre as críticas de PP e C's
Pedro Sánchez iniciará a semana reuníndose mañá, en Valencia, con representantes de Compromís e tamén o fará pouco despois con organizacións ecoloxistas. Ao longo da semana vaise entrevistar, así mesmo, coa patronal e cos sindicatos UXT e Comisións Obreiras.
Os socialistas cataláns consideran que o futuro goberno debe estar apoiado en Unidas Podemos, pero non nos independentistas.
O secretario de Organización do PSC, Salvador Illa, sinala: "O Goberno de España ten que ser un goberno progresista e que non dependa de partidos independentistas. Nese sentido, creo que non pasa desapercibido ao conxunto de cidadáns de Cataluña e de España a contradición en que está sumida Ciudadanos, que di: Vostede, señor Sánchez, está en mans dos independentistas, pero é que eu empúrroo a estar en man dos independentistas".
O PP lembra que o sucedido en Navarra deixou claro quen son os compañeiros políticos de Pedro Sánchez e que non poden facilitar a súa investidura.
Isto é o que explicaba esta maña o seu secretario de Organización, Pablo Montesinos: "O Partido Popular déixao claro con nitidez: non imos facilitar a investidura do señor Sánchez. Imos exercer ata o final un labor de oposición firme coherente e mantendo, iso si, a man tendida para chegar a pactos de Estado".
Desde Ciudadanos insisten en que Sánchez debe deixarse de tanta 'reunitis' e buscar solucións efectivas para a investidura.
"O que me gustaría é que o tomase con algo más de seriedade, que se dese de conta do momento en que estamos en España, do papel que está chamado a desempeñar, porque así o decidiron os españois, e que asuma de verdade esa responsabilidade, porque parece que todo o mundo ten a culpa de que en España non haxa un goberno menos o señor Sánchez", declaraba a vicealcaldesa de Madrid, Begoña Villacís.