CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez recibe o apoio aos indultos do Comité Federal do PSOE e di que á dereita "nin caso"

Publicado o 03/07/2021 13:45

Pedro Sánchez recibiu este sábado o respaldo do Comité Federal do PSOE aos indultos para os líderes independentistas. Dixo que foi unha medida de "valentía" que xa causa efectos positivos cunha maior serenidade en Cataluña e apostou por un tempo novo de convivencia: "Contamos con todos, necesitamos a todos, así que unamos todos as nosas forzas neste novo tempo que se abre. E de igual maneira, o Govern da Generalitat de Cataluña deberá contar tamén con todos os cataláns, coa Cataluña independentista á cal eles queren representar, pero tamén coa non independentista"

O líder do PSOE debuxou un panorama esperanzador para España, no que a vacinación "vai coma un tiro" (esa foi a súa expresión) e cunha recuperación de emprego en xuño que cualificou como "histórica".

Nun contexto de polarización deixou unha mensaxe explícita: "nin caso" a unha dereita que mesmo critica empresarios e bispos cando non pensan coma eles: "Nin caso ao ruído, aos improperios, aos berros da ultradereita e da dereita, porque precisamente canto máis berran, canto máis insultan, máis evidencian a súa total ausencia dun proxecto político para España. Por tanto, nin caso a unha oposición furibunda, eu creo que é a máis furibunda da Unión Europea".

Sánchez falou da necesaria renovación do PSOE con novos rostros para o futuro, como é o caso de Juan Espadas en Andalucía. Por certo, a este comité non asistiron líderes autonómicos como García-Page e Javier Lambán, inicialmente críticos cos indultos, alegando problemas de saúde.

Noticias web

03/07/2021