CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez: "O estado de alarma é o pasado, hai que mirar ao futuro"

Publicado o 11/05/2021 13:43

Foto: EFE

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, volveu defender este martes que as comunidades autónomas teñen "amplos instrumentos" para facer fronte á pandemia e dixo que o estado de alarma "é o pasado" e que "hai que mirar ao futuro", que é a vacinación, dixo.

Fíxoo no palacio da Moncloa, nunha conferencia de prensa que ofreceu xunto ao presidente arxentino, Alberto Fernández, ante as preguntas sobre as peticións dalgunhas comunidades autónomas e de varios partidos da oposicións sobre o estado de alarma e que ocorrería se o Tribunal Supremo non ampara as medidas legais que están a solicitar as autonomías.

Polo que se refire a as críticas, reclamou "coherencia" á oposición. "Non pode ser que agora se bote de menos o estado de alarma" tendo en conta que cando o expuxo o Goberno "o que fixeron foi votar en contra", reprochou.

"Estamos a 99 días da inmunidade de grupo e por tanto lograr ese 70 % da poboación vacinada, ese é o obxectivo do Goberno e, reitero, no Consello Interterritorial teñen os instrumentos para, coa vacinación, poder facer fronte con garantías, eficacia e contundencia ao control da pandemia neste momento no noso país", dixo o presidente do Goberno. 

Noticias web

11/05/2021