CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez garante que toda España está coa Palma

Publicado o 20/09/2021 14:47

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, subliñou este luns que "toda España está coa Palma", á vez que garantiu o "compromiso total, absoluto e rotundo" coa reconstrución de todos os danos que poida producir o volcán que desde o domingo explotou na illa.

Nunha comparecencia, xunto cos presidentes de Canarias, Anxo Víctor Torres, e o Cabildo da Palma, Mariano Hernández Zapata, celebrada tras a reunión do comité director do Plan especial de Protección Civil e Atención de Emerxencias por risco volcánico, o presidente recoñeceu que hai efectos que non se poden repoñer, como a perda de fogares e toda a carga emocional que conleva, pero si insistiu en que ninguén quedará danado economicamente polos efectos do volcán.

Sánchez puxo en valor a unidade de resposta de todas as administracións para facer fronte a un fenómeno natural "tan insólito", algo que "tranquiliza, dá seguridade, horizonte e perspectiva á cidadanía" na resolución dunha situación de emerxencia.

O rei está en contacto permanente co presidente do Goberno e coas autoridades canarias, seguindo de preto a situación. Durante o acto de inauguración do curso universitario, as primeiras palabras de Filipe VI foron, precisamente, para trasladarlles ánimo aos habitantes da Palma, e para agradecer o labor dos servizos de emerxencia.

E a ministra de Industria e Turismo dixo que a erupción do volcán é un "espectáculo marabilloso", que pode servir de reclamo turístico; unhas palabras que foron duramente critadas polo PP, Ciudadanos e Coalición Canaria, que acusan o Goberno de falta de sensibilidade. 

Noticias web

20/09/2021