CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez e Joe Biden manteñen un breve encontro no cumio da OTAN

Publicado o 14/06/2021 15:20

O primeiro encontro entre Pedro Sánchez e Joe Biden tivo como escenario o cumio da OTAN en Bruxelas.

Moncloa anunciara un breve encontro entre os dous líderes, sen especificar o formato. E a cita entre o presidente español e o su homólogo estadounidense foi un breve paseo antes de entrar no plenario do cumio que reúne os países da Alianza Atlántica.

Foi o primeiro contacto entre Pedro Sánchez e Joe Biden, que asiste por primeira vez a esta cita. Antes, o xefe do executivo español reuniuse cos primeiros ministros británico e canadense.

O presidente do Goberno español asegurou que a “breve conversación” con Biden “deu de si” e serviu para acordar que seguirán “colaborando, traballando e en contacto”. Segundo explicou Sánchez en confernecia de prensa, o breve encontro serviu para falar de “reforzar” os lazos de colaboración militar e o interese español por actualizar o acordo bilateral en materia de defensa.

Tamén abordaron a situación en Latinoamérica e a recente viaxe de Sánchez a Arxentina e Costa Rica, o que deu pé a que o presidente do Executivo español expuxera a Biden a súa “preocupación” pola situación migratoria e económica na rexión como consecuencia da pandemia. Ademais, Sánchez felicitou ao seu homólogo estadounidense "pola axenda progresista que puxo en marcha” e a “volta aos grandes consensos multilaterais”, especialmente en materia de cambio climático e do acordo de París.

Para Sánchez, este breve encontro é unha “primeira toma de contacto” cun mandatario que “como líder progresista inspirounos a moitos” e cuxas primeiras decisións á fronte de Estados Unidos “corroboran e certifican esa inspiración progresista” e “únennos como gobernos progresistas”. Por iso, mostrouse convencido de que, tras este primeiro encontro, “quedamos en seguir colaborando, traballando e seguir en contacto”.

España acollerá o cumio de líderes da OTAN en 2022         

España será a sede do próximo cumio da OTAN en 2022, segundo decidiron os xefes de Estado e de Goberno da Alianza Atlántica durante a súa reunión deste luns en Bruxelas.

"Esperamos volver reunirnos en España en 2022, á que seguirá a nosa próxima reunión en Lituania", indican os líderes aliados nas conclusións acordadas no encontro de hoxe.

Os aliados queren plantarlle cara os réximes autoritarios da China e Rusia

Os líderes da OTAN concluíron o cumio de Bruxelas coa determinación de plantar cara ás ameazas procedentes de "réximes autoritarios" como Rusia ou A China, indicou o secretario xeral da Alianza, Jens Stoltenberg.  

"Hai forte converxencia entre os aliados" fronte ás ameazas para a seguridade que representa o reforzo militar da China, indicou Stoltenberg nunha conferencia de prensa ao termo do encontro, na que aludiu igualmente á "agresividade" de Rusia, referíndose a ambos os países como "réximes autoritarios". 

Noticias web

14/06/2021