CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez defende o seu acordo con UP ante a súa militancia

Publicado o 16/11/2019 21:12

Pedro Sánchez explícalle á militancia socialista o acordo de goberno con Unidas Podemos. Nunha carta colgada este mediodía en Twitter, o líder do PSOE dirixese á militancia recadando o seu apoio a ese pacto coa formación morada na consulta interna dos socialistas fixada para o 23 de novembro. Sánchez sinala que "para Unidas Podemos era crucial participar no Consello de Ministros" e "para o PSOE era condición indispensable garantir un único goberno cohesionado, baseado na lealdade e na solidariedade gobernamental".

En paralelo, o PSOE negocia este sábado o apoio do Partido Rexionalista Cántabro a ese acordo de lexislatura. "Vimos formar goberno, a apoiar que haxa un goberno en España e esta conversa é, un poco, lembrar os nosos compromisos", declarou José María Mazón, deputado do PRC.

Desde o PP cuestionan a carta de Sánchez e din que agora considera imprescindible un pacto que "antes lle ía quitar o sono a todos os españois" e que evita calquera mención ao desafío dos independentistas."Unha carta, na que, por certo, non fai ningunha mención o señor Sánchez á ameaza separatista, á ameaza da cohesión territorial de todos os españois. Non o fai porque o señor Sánchez está cortexando a Esquerra", matizou o vicesecretario de Comunicación do Partido Popular, Pablo Montesinos.

Precisamente, desde Esquerra Republicana reclámanlle a Pedro Sánchez que asine un documento no que se recollan as condicións dun futuro diálogo sobre o conflito catalán. Ao mesmo tempo, Esquerra segue tentando implicar a Junts per Catalunya nunha decisión común arredor da investidura de Sánchez e distintos analistas sinalan que con esa postura trata de evitar o desgaste que suporía no ámbito do independentismo unha abstención en solitario.

Noticias web

16/11/2019