CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez confía en saír investido mañá

Publicado o 06/01/2020 14:35

O pleno comezará mañá ás doce do mediodía e non se votará antes da unha menos cuarto. Pedro Sánchez precisa máis votos a favor que en contra para ser investido presidente. 

Se os deputados manteñen o sentido do seu voto Pedro Sánchez será investido presidente mañá en segundo votación. Precisa máis sis ca nons, unha maioría simple que dá por feita.

A Pedro Sánchez chégalle o resultado axustado de onte: 166 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións.

Pero non hai marxe para o erro. Dúas baixas no bloque dos sis farían fracasar a investidura. Por iso, o PSOE pediulles aos seu deputados que durman hoxe en Madrid para evitar calquera imprevisto.

Non agardan cambios de opinión nas bancadas, aínda que Coalición Canaria se vai reunir para tratar o non de Ana Oramas, en contra da abstención aprobada pola executiva.

Na sesión de mañá Sánchez disporá de 10 minutos para intervir e o resto de voceiros de cinco minutos cada un.

Veremos o ton que usan no estrado, despois da bronca sesión de onte, que chegou á máxima crispación cando a deputada de Bildu criticou o Rei e a transición. 

Fóra do hemiciclo, a investidura deixa reaccións dispares entre fillos de vítimas do terrorismo. Nunha carta dirixida a Sánchez, Jose María Múgica, di que lle produce unha "náusea infinita" o apoio implícito dos abertzales. Outros, como María Jáuregui ou Josu Elespe, expresan a súa satisfacción por ter un goberno de esquerdas.

Se non hai sorpresas, Sánchez agarda prometer ante o rei o mércores. E o venres convocará o primeiro consello de ministros do novo Goberno de coalición.

Noticias web

06/01/2020