Pedro Sánchez clausura o foro da Toxa dedicado á reflexión sobre España
• Feijóo: "Os peores inimigos de España son os que atacan o modelo autonómico"
• Felipe González e Mariano Rajoy piden "diálogo e negociación"

O presidente do Goberno Pedro Sánchez clausura este venres o Foro Vínculo Atlántico da Toxa, no que durante tres días se reflexionou sobre a situación política e económica de España con chamadas ao consenso por parte de relatores como Felipe González ou Mariano Rajoy.
Este xoves, ambos os dous expresidentes do Goberno apelaron aos seus respectivos partidos a superar a falla de diálogo e a dar chegado a acordos en asuntos de Estado, como a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial e outros órganos constitucionais.
González e Rajoy protagonizaron un cara a cara durante hora e media na terceira edición deste foro en que, nun ambiente distendido e con bromas entre eles, repasaron a situación política e económica de España e defenderon a súa liberdade de opinar fronte á proliferación de "Torquemadas".
Fondo covid−19
Ademais, este xoves catro presidentes autonómicos —Ximo Puig e Emiliano García Page, do PSOE, Alfonso Martínez Mañueco e Alberto Núñez Feijóo, do PP— defenderon no foro que o Goberno manteña, polo momento, o fondo covid−19 para as autonomías dotado con 16.000 millóns de euros.
Os máximos responsables da Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Castela e León e Galicia avogaron pola permanencia dese fondo mentres dure a pandemia de coronavirus e non haxa un novo sistema de financiamento autonómico.
O escenario da petición foi unha mesa redonda en que todos coincidiron na necesidade de acordar canto antes un renovado financiamento para as comunidades autónomas.