CRTVG

Buscar

Iglesias considera "imprescindible" entrar no Executivo de Pedro Sánchez

Publicado o 01/05/2019 20:47

Pedro Sánchez recibirá a Pablo Casado o luns na Moncloa. O martes fará o mesmo con Albert Rivera e con Pablo Iglesias. Comeza así a busca dos 53 votos que precisa para ser investido presidente. O líder de Podemos espera que as chamadas a PP e Ciudadanos non agochen un intento de negociar coa dereita. El insiste en que serán unha rocha na súa defensa dun executivo de coalición.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, di que  "é imprescindible por dúas razóns. A primeira: se non hai un goberno de coalición non hai un goberno estable, porque o Partido Socialista ten menos deputados que as tres dereitas. En segundo lugar, a única opción para que o goberno sexa de esquerdas é que sexa un goberno de coalición con nós".

Iglesias di que a experiencia demostra a facilidade con que os socialistas pactan coa dereita en cuestións de economía ou a lexislación laboral. Pero o PSOE responde: acordo programático si, pero o executivo, monocolor.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE, aposta por "un goberno socialista, aberto á sociedade, aos sectores progresistas, a independentes. O que queremos é que, sendo a primeira forza e con diferenza respecto a calquera outra, se nos poida respectar ter un goberno claramente socialista".

Os socialistas non consideran a VOX unha forza para un entendemento institucional e din que non se dan as condicións para pactar con Ciudadanos. Rivera diralle o martes a Sánchez a súa intención de liderar a oposición.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/05/2019