CRTVG

Buscar

Sánchez apela ao "diálogo social e territorial" na presentación en sociedade do seu goberno

Publicado o 12/01/2020 19:59

Pedro Sánchez deixou unha mensaxe nidia a favor do diálogo na actuación do Goberno. Nesa liña, subliñou que os cidadáns están pedindo unha "España de convivencia" fronte a unha "España de vetos e rupturas". "Esta será a lexislatura do diálogo, debe ser a lexislatura do diálogo, do diálogo social, do diálogo territorial e tamén diría do diálogo xeracional". Os cidadáns estannos reclamando aos políticos unha España de moderación e non unha España de crispación", manifestou Sánchez.

O presidente do Goberno confía na unidade de acción do novo executivo partindo da pluralidade. De feito, destaca que se impón a "convivencia de familias políticas distintas". "É un goberno de coalición, pero cun firme propósito de unidade. É un goberno que se vai nutrir de ideas plurais, pero que vai camiñar nunha única dirección. Falará con varias voces, pero sempre cunha mesma palabra".

Outra nota que quixo salientar: a vertente económica dun executivo que terá como desafío conciliar as políticas sociais coa ortodoxia que demanda a Unión Europea: "É un goberno composto por persoas que teñen amplas traxectorias, que avalan, ao meu xuízo, a súa capacidade, e abondan ademais en perfís de rotunda competencia económica para afrontar os desafíos económicos que ten o noso país no medio prazo".

Nunha conversa informal cos xornalistas, Pedro Sánchez confirmou que se vai reunir con Quim Torra nos próximos días, antes da constitución da mesa de diálogo sobre Cataluña.

Noticias web

12/01/2020