Carmen Calvo sae do Goberno e Nadia Calviño será vicepresidenta primeira do Goberno
• Os ministros de Unidas Podemos manteñen os cargos
• Félix Bolaños, novo ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática | Ábalos deixa o Goberno | A presidenta do Senado será ministra de Xustiza, a ministra de Exteriores abandona o executivo, Duque deixa Ciencia e Iván Redondo sae de Moncloa
• A oposición rexeita os cambios e o PP pide eleccións

Pedro Sánchez vai anunciar este sábado a agardada remodelación do Goberno de coalición en que Unidas Podemos manterá a súa cota de cinco ministerios. Será a primeira gran remuda do Goberno tras sopesala durante varias semanas. A modificación supón un cambio profundo nas áreas de responsabilidade socialista do Goberno.
Nadia Calviño será a vicepresidente primeira, nun claro xesto de poñer o foco na recuperación económica, e quen ocupaba este cargo ata o momento, Carmen Calvo, sae do Goberno. Calviño vai ser a número dous do executivo de coalición. O Goberno queda con tres vicepresidentas: Yolanda Díaz será agora a segunda e Teresa Ribera a terceira. Ademais, Félix Bolaños, o home de confianza de Sánchez, será o titular do Ministerio de Presidencia, Relación coas Cortes e Memoria Democrática, que levaba Calvo. Bolaños era secretario xeral da presidencia.
José Manuel Albares, ata o de agora embaixador en París, será ministro de Exteriores en lugar de Arancha González Laya. Isabel Rodríguez será a voceira do executivo e ministra de Política Territorial, unha carteira que abandona Miquel Iceta, que asume Cultura e Deportes. Saen do Goberno o ministro de Transportes, José Luis Ábalos e ocupa o seu lugar Raquel Sánchez, alcaldesa de Gavá, o de Cultura, Rodríguez Uribes, o de Ciencia, Pedro Duque, no que entra Diana Morant, alcaldesa de Gandía. Pilar Llop, presidenta do Senado, entra no gabinete de Sánchez en Xustiza, carteira que abandona Juan Carlos Campo. Ander Gil será o novo presidente da cámara alta. Manteñen os seus cargos Grande-Marlaska en Interior e Margarita Robles en Defensa. O xefe de gabinete do presidente, Iván Redondo, sae de Moncloa e substitúeo no cargo Óscar López.
Desde que se constituíu o Goberno en xaneiro de 2020 Sánchez acometeu dous cambios. O primeiro en xaneiro de 2021, cando o agora exministro de Sanidade, Salvador Illa, deixou o Goberno para presentarse ás eleccións catalás. Substituíuno no cargo a exministra de Política Territorial, Carolina Darias, e incorporouse a esta carteira o líder do PSC, Miquel Iceta.
A mediados de marzo, o exlíder de Podemos, Pablo Iglesias, informou de que deixaba o Goberno para ser candidato do seu partido nas eleccións autonómicas anticipadas da Comunidade de Madrid, e a súa decisión provocou a segunda remodelación, que afectou as carteiras de Unidas Podemos e alterou a estrutura das vicepresidencias. Iglesias foi substituído no Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 pola ata entón secretaria de Estado de Axenda 2030, Ione Belarra. Foi entón cando a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, asumiu a vicepresidencia terceira. E tamén sería ela a que agora negociou con Sánchez que a súa ampla remodelación non afectase as carteiras de Unidas Podemos.