CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez anuncia a volta da Liga a partir do oito de xuño

Publicado o 23/05/2020 19:59

Como un símbolo da nova normalidade. Así chegou o anuncio oficial da volta do fútbol por parte do presidente do goberno, Pedro Sánchez "A partir da semana de oito de xuño volverá a Liga. Nesa semana, na que se todo vai ben iniciarase a fase tres en gran parte de España, autorizarase a reanudación das grandes competicións deportivas, e en particular, da Liga de Fútbol Profesional"

A Liga, que a través do seu presidente, Javier Tebas, expresou a súa satisfacción pola decisión do goberno, anunciará nos vindeiros días o calendario. Todo vai depender da autorización para que os adestramentos sexan sen limitacións, co grupo completo de futbolistas. Porque o protocolo exixe un mínimo de quince días de traballo con todo o equipo. Se a partir deste luns xa se poden facer así as sesións de adestramento, o fútbol podería volver o día nove de xuño, coa disputa do segundo tempo do Raio Vallecano-Albacete, suspendido no seu día por insultos a Zozulia. E a posta de longo da primeira división sería o venres día 12 co derbi entre o Sevilla e o Betis. Sen público, claro, pero con toda a tensión dun duelo de máxima rivalidade. Todo isto condicionado á boa evolución do control da pandemia e coa máxima seguridade, segundo o presidente. "Por suposto a pelota volverá rodar nas condicións que garanticen a máxima seguridade sanitaria para todos os participantes na competición"

Unha competición que terminaría na fin de semana do 25 e 26 de xullo, cunha semana máis para a disputa do playoff de ascenso a primeira división. 43 días intensos durante os que habería que disputar once xornadas. Fútbol case tódolos días. Prácticamente unha cuestión de Estado. Moi importante segundo Pedro Sánchez. "O fútbol español, sabémolo todos, ten un seguimento masivo dentro e fóra das nosas fronteiras"

Para os galegos será unha loita pola supervivencia. Co Celta un punto por riba da antepenúltima praza en primeira, e co Deportivo e o Lugo en postos de descenso en segunda. Unha recta final dramática, agardemos que con final feliz, para os nosos representantes.

Noticias web

23/05/2020