CRTVG

Buscar

Pedro Sánchez acode ao cumio climático de Nova York como un dos oradores principais

Publicado o 23/09/2019 08:40

Os principais líderes da Unión Europea e de medio cento de gobernos asisten hoxe en Nova York ao chamado Cumio de Acción Climática, impulsada pola ONU. Non irán os Estados Unidos nin O Brasil, nin os presidentes de Rusia e China. O presidente español en funcións, Pedro Sánchez acudirá como un dos principais oradores e exporá as medidas que propón España contra o cambio climático. 

Ao cumio de Nova York acudirán xefes de estado e gobernos de 65 países, entre os que non estarán os presidentes dos Estados Unidos, do Brasil, de Rusia e da China, aínda que si acudirán á sesión inaugural da Asemblea da ONU.

O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, anunciaba na convocatoria deste cumio que só acudisen os estados dispostos a presentar propostas. Os que abandeiran o escepticismo climático non teñen, por tanto, cabida.

Di a ONU que a situación de emerxencia obriga a propoñer accións inmediatas e concretas que sigan as advertencias da comunidade científica. A principal misión do cumio é impulsar o Acordo de París, xusto antes de entrar o ano que vén nunha fase crucial de implementación das medidas ás que se comprometeron os gobernos en 2015.

Pedro Sánchez acudirá ao Cumio como un dos oradores principais. O ministro de Exteriores en funcións avanzou que España dará detalles de como pensa actuar contra o cambio climático.

Josep Borrell: "A transición enerxética cara unha economía sen carbono non é gratis, ten un custo. E estes custos vanse distribuír de xeito moi desigual".

Entre os encontros ao máis alto nivel que manterá o presidente do Goberno en funcións, unha reunión co presidente iraniano, en plena escalada de tensión cos Estados Unidos.

Como preludio do Cumio, a ONU acollía esta fin de semana un encontro no que tomaron a palabra activistas e emprendedores menores de 29 anos, liderados por Greta Thunbert, a adolescente sueca que lidera esta revolución verde.

"Millóns de persoas arredor do mundo marcharon e demandaron accións reais contra o cambio climático. Mostramos que estamos unidos e que os novos somos imparables", manifestou Greta Thunbert.

Greta encabezou a marcha do venres en Nova York, con decenas de miles de participantes e máis de cincuenta oenegués, unha das manifestacións máis multitudinarias que tiveron réplica e continuidade ao longo de toda a fin de semana por países de todo o mundo para esixir medidas urxentes contra a crise climática. As mobilizacións continuarán toda esta semana.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/09/2019