CRTVG

Buscar

Sánchez: "Absterse o 28-A pode significar que España retroceda corenta anos"

Publicado o 19/02/2019 13:25

Pedro Sánchez, que concedeu esta noite pasada a súa primeira entrevista tras a convocatoria electoral, amosouse satisfeito do traballo realizado nos escasos nove meses á fronte do Executivo central. Trece leis e vinte e cinco real decretos que comezaron, dixo, a reverter as desigualdades tras os anos de goberno de Rajoy: "A poñer en pé o pacto de estado contra a violencia de xénero, a loitar contra a precariedade laboral, a subir o salario mínimo interprofesional, a subir as pensións...", enumerou.

"Para min, que despois de sete anos de precariedade e austeridade se puidese poñer en pé uns presupostos sociais que pechasen esa brecha de precariedade, de desigualdade e de falta de oportunidades para moitos desempregados era vital".

O presidente criticou o obstrucionismo do PP e de Ciudadanos na mesa do Congreso, e culpounos de non lle permitir lexislar sobre a eutanasia, ou derrogar a reforma laboral ou a Lei mordaza. Tamén lamentou o estilo da oposición: "Paréceme perigoso que se tache un presidente do Goberno de golpista, que se tache un presidente do Goberno de ilexítimo, de okupa, porque, en definitiva, son termos que o que fan é empobrecer a nosa democracia".

Sánchez agradeceu o apoio de Podemos ás medidas sociais. En relación a posibles pactos postelectorais, criticou a Ciudanos por establecer un cordón sanitario fronte ao PSOE: "Escoitei o señor Rivera e o partido de Ciudadanos dicir que lle ían poñer un cordón sanitario ao PSOE, que non ían pactar co Partido Socialista. E eu creo que tamén é importante facer pedagoxía á cidadanía. Os demócratas témonos que respectar e temos que recoñecernos", afirmou. 

O líder socialista amosouse disposto a falar con todos, PP, C's, Podemos e tamén os independentistas: "Pregúntolle o seguinte aos telespectadores: sería posible a transición sen diálogo?".

Sánchez denomimou "bloque da involución" os partidos que se manifestaron en Colón. Dixo que máis que contra o independentismo manifestáronse porque haxa un socialista á fronte do Goberno. E remachou: "O importante é que sexamos moi conscientes de que o próximo 28 de abril votar vai significar progresar e absterse pode implicar que España retroceda 40 anos".


 

Noticias web

19/02/2019