O Consello de Ministros aproba os indultos aos condenados polo 'procés'
• Casado acusa a Sánchez de darlle un golpe de graza á legalidade
• Aragonès di que son un "paso insuficiente" que "corrixe" o Supremo
• O Consello de Europa apoia os indultos e insta a reformar os delitos de sedición e rebelión
O presidente do Goberno Pedro Sánchez anunciou onte que este martes 22 de xuño, lle propoñerá ao Consello de Ministros "concederlles o indulto aos nove condenados no xuízo do procés que hoxe están en prisión".
Nun relatorio no Liceu de Barcelona, asegurou que toma a decisión "pensando no espírito constitucional de concordia. Con corazón". Segundo manifestou, "o Goberno de España decidiu afrontar o problema" en Cataluña e abandonar "a discordia" para dedicar todas as enerxías a solucionar "unha realidade, suma incalculable de cálculos errados que fixemos entre todos".
No momento en que fixo o anuncio, un dos presentes, un simpatizante de Arran (as xuventudes da CUP), respondeu berrando "amnistía e independencia" e interrompeu a intervención do presidente do Goberno. Pedro Sánchez retomou a palabra subliñando que respecta todas as razóns e coñece o rexeitamento que provocan os indultos nunha parte da sociedade catalá e española.
"É evidente que hai parte da sociedade española e catalá que (...) se opón aos indultos, que se viron afectados polos feitos enxuizados no 2017 na causa do procés", remarcou, "pero aqueles que apoiamos a medida temos as nosas razóns e argumentos".
Neste sentido, dixo: "Pesan máis as expectativas de futuro que os agravios do pasado. E na balanza das decisións políticas, o futuro debe importar moito máis ca o pasado. Por iso, aínda comprendendo os motivos do rexeitiamento, o Goberno de España optou por abrir paso á reconciliación, ao reencontro".
Na súa opinión, esta medida de graza "abrirá ese camiño que nos dará a todos a posibilidade de comezar de novo e facer as cousas mellor".
"Utilidade pública"
O xefe do Executivo xustificou os indultos pola súa "utilidade pública" e porque os considera necesarios "en determinados momentos". Insistiu en que o seu obxectivo non é condenar a sentenza do procés, senón que supón outro plan.
Por iso, reclamoulles ás persoas que non están de acordo coa medida que recoñezan "a súa plena legalidade e a súa absoluta constitucionalidade".
"Se hai un momento para unirnos é este", sentenciou o presidente, que avogou polo "diálogo" fronte á "confrontación", pois esta última "non serviu para resolver ningún conflito".
"Comezar a cambiar a historia"
Pedro Sánchez expresou a súa confianza en lograr cos indultos non só "mudar a vida de nove persoas", senón "comezar a cambiar a historia de todos e de todas".
"Dispoñémonos a aprobar unha medida de graza para nove persoas que asumiron responsabilidades dos seus actos (...) Imos restituír a convivencia, non desde o esquecemento, senón desde o respecto, o sentimento e o afecto", manifestou. "Sacamos materialmente do cárcere nove persoas, pero sumamos millóns e millóns á convivencia".
Ao seu xuízo: "Non se pode empezar de cero, pero podemos empezar de novo. Hai camiño". Iso recalcou antes de proclamar en catalán e castelán: "Catalunya, catalans i cataláns, us estimem. Cataluña, cataláns e catalás, querémosvos".
Nesa liña, asegurou que non concibe "unha nova España sen unha nova Cataluña á fronte" e insistiu en que o acordo é posible porque todos comparten uns valores sociais, como a defensa do europeísmo e a igualdade, que subxacen ás discrepancias sobre cal debe ser o modelo de organización territorial.
"Todos contemplamos o noso porvir rexistrado no proxecto europeo, todos nos adherimos a un estado social e democrático de dereito, todos apoiamos unha sociedade pluralista e respectuosa coa diversidade, todos propugnamos unha sociedade defensora da igualdade efectiva entre homes e mulleres (...) Pois todo iso e moito máis é posible dentro da Constitución", concluíu.
Unhas trescentas persoas, representantes da sociedade civil catalá, escoitaron en directo a conferencia do presidente do Goberno, titulada 'Reencontro: un proxecto de futuro para España'. Non estivo o presidente da Generalitat Pere Aragonès nin membros do seu Executivo.
O independentismo non o ve suficiente
Para o independentismo, que este luns levou ao Congreso 200.000 sinaturas para pedir unha lei de amnistía, o anuncio sabe a pouco. Pere Aragonès, presidente da Generalitat de Catalunya, di: "É un paso que recoñecemenos, pero é un paso insuficiente e incompleto. A proposta do Govern de Cataluña para ter unha solución global á represión é a amnistía". Para Miriam Nogueras, de Junts per Catalunya: "O presidente do Goberno progresista está facendo teatro e propaganda no Gran Teatro do Liceu".
A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, aplaude unha medida, di, que remata co enquistamento político en Cataluña. O PP e VOX claman contra a decisión. Pablo Casado, presidente do PP, di: "Sánchez aproveita ese problema causado polo supremacismo dos seus socios e o apazugamento do PSOE para dar continuidade ao seu proxecto de cambio de réxime. Usou unha medida de graza para dar un golpe de graza á legalidade, pervertindo a figura do indulto para concederllo por primeira vez a quen non o solicita, non se arrepinte e ademais ameaza con reincidir". Jorge Buxadé, voceiro de VOX, di: "Pedro Sánchez volveu axeonllarse ante o golpismo, o separatismo, a barbarie".
Unha vez a medida sexa aprobada, o rei terá que asinala e publicarase no BOE. Logo, quedará en mans do Supremo a súa execución. Estes trámites poderían resolverse antes de que remate a semana.