CRTVG

Buscar

Pedro Blanco (UXT): "A nova prórroga dos ERTE mantén un dique de contención"

Publicado o 01/02/2021 14:14

O responsable dos servizos xurídicos de UXT-Galicia, Pedro Blanco, valora positivamente o cuarto acordo entre os axentes sociais para sacar adiante unha nova prórroga dos ERTE para as empresas especialmente afectadas polas restricións da situación sanitaria.

"A situación non é boa, pero o cuarto acordo, froito do diálogo social, evita que as cifras sexan moito máis penosas", explica, en relación aos últimos datos da EPA, que reflicten que en España se destruíron 600.000 empregos o ano pasado a consecuencia da pandemia de coronavirus.

Esta nova prórroga permite, di Blanco, manter "o dique de contención que se amosa favorable e que está funcionando", asegura, e cita, ademais das axudas para os ERTE, a continuidade do Plan Me Cuida, "fundamental para atender as necesidades persoais de moitos traballadores e traballadoras".

Tamén fai referencia, nesta nova prórroga que se estende ata o 31 de maio, a que "agora é máis fácil pasar dun ERTE de impedimento de actividade a un de limitación", en función das restricións que impoña en cada momento a Consellería de Sanidade para a actividade económica. "Hai máis facilidades para recorrer a este mecanismo alternativo á destrución de emprego", insiste.

Blanco defende a condición que deben cumprir as empresas de non despedir os traballadores afectados polo ERTE durante os seis meses posteriores á finalización do expediente.

"Estamos de acordo en que hai que axudar as empresas a manterse con fondos públicos pero ese compromiso co mantemento do emprego ten que ser recíproco", indica.

Nese sentido, asegura que "estamos convencidos de que a maioría das empresas que recorren ao ERTE e ás axudas fano por necesidade", pero engade, respecto do anuncio do Goberno de intensificadr o control sobre a fraude, que ese control "é necesario e imprescindible".

Blanco conclúe con que "fomos capaces de entendernos para estas medidas, algo que ninguén pensaría na crise do 2008" e, por iso, apela a que, cando se poida volver á normalidade, "haberá problemas pero seremos capaces de afrontalos con solucións imaxinativas".

Noticias web

01/02/2021