CRTVG

Buscar

Peche perimetral e restricións en Ferrol, Narón, Fene e Neda por ser a área con maior taxa de contaxios

Publicado o 31/10/2020 16:11

A mediados de xullo a área sanitaria de Ferrol era a única de Galicia sen casos positivos. Mantívose como a menos afectada ata hai dez días. Pero a situación mudou de tal xeito que agora mesmo é a que rexistra a maior taxa de contaxios.
Preocupa este crecemento continuo, e sobre todo a presión hospitalaria que empeza a notarse.
Nas últimas 24 horas detectáronse 64 novos casos positivos, que elevan o total de activos a 807. Deles, 30 ocupan plantas de hospitalización, e 7 están en UCI.
Este incremento levou a decretar o peche perimetral nos concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda, que manteñen convivencia estreita entre as súas poboacións. Son en total 123.000 habitantes que só poden saír dese perímetro por causas xustificadas.
Ademais, as reunións quedan limitadas a conviventes.
E a partir desta noite, haberá tamén restricións nos establecementos que se prolongarán por 14 días. Non se poderá consumir no interior de bares e cafeterías. A ocupación dos restaurantes e terrazas redúcese un 50%, cun máximo de cinco persoas por mesa, e sempre cumprindo a norma de só con persoas conviventes.


 

Noticias web

31/10/2020