CRTVG

Buscar

Suspenden o marisqueo de ameixa na ría de Pontevedra pola presenza de toxina

Publicado o 16/09/2021 13:50

As mariscadoras do fondo da ría de Pontevedra non saben se este venres poderán volver traballar, tal e como tiñan previsto no plan de explotación conxunto das confrarías de Lourizán, Pontevedra e Raxó. Tras as análises do instituto para o control do medio mariño pecháronse cautelarmente dúas das zonas onde traballan a pé e en embarcación.

Mª Carmen Vázquez, patroa maior de Lourizán: "É moi pronto porque son as 10:30 da mañá, pero temos que ter novas hoxe para notificarlles aos traballadores. A situación, segundo as asistencias técnicas, está en que unha das mostras que se mandou deu ben nos límites que eles teñen marcados".

Os de a pé só traballaron esta semana o luns. O sector do marisqueo en embarcación puido facelo ata o martes. Pero o peche cautelar da súa zona e da de a pé tivo consecuencias. Algúns compradores devolvéronlles o marisco.

Mª Carmen Vázquez, patroa maior de Lourizán: "A situación sanitaria é prioritaria para nós porque traballamos para alimentación. Pero é un peche cautelar e é inxusto que os compradores fagan a devolución do produto sen facerlle outra mostraxe. Cando é un peche definitivo, enténdese".

Entre as confrarías de Lourizán, Pontevedra e Raxó suman unhas 400 persoas que mariscan a pé. Ademais destas zonas da ría de Pontevedra, hai outras pechadas pola toxina en Ares, Vigo e Baiona.

Noticias web

16/09/2021