CRTVG

Buscar

Pechan voluntariamente algúns establecementos de Trives para previr un rebrote

Publicado o 20/07/2020 15:35

Na comarca de Trives o Sergas confirma que por agora as probas realizadas aos compañeiros do traballador procedente de Lleida que permanece ingresado no Hospital de Ourense por Covid-19 son negativas. Así e todo permancerán en illamento domiciliario o tempo que dure a corentena. Dous locais de hostalaría da zona que tiveron algún contacto con eles decidiron pechar voluntariamente por precaución.

Anxo é o propietario dun dos establecementos de hostalería que pechou voluntariamente as súas portas o pasado venres. Aquí paraba un dos encargados da liña de alta tensión en que traballaba o operario que deu positivo en COVID-19. Chegou á zona o pasado domingo, procedente de Lleida.

Polo momento seguirán pechados, o mesmo que outro local de hostalería de Manzaneda, que tamén tiña relación cos traballadores esta obra. Tanto o encargado que se aloxaba neste local como outro dos traballadores decidiron regresar á súa comunidade de orixe para pasar a corentena. O resto, outros 14 operarios, permanecen en illados en vivendas de Manzaneda e Trives. Efectivos de Protección Civil encárganse de levarlles o que precisan, comida ou medicamentos.

As probas realizadas polo momento deron todas negativas, pero deberán seguir en illamento. En Trives hoxe xa se vía máis actividade na rúa, aínda que extremando as precaucións.

En Manzaneda chegaron a pechar tanto a piscina como un campamento de nenos despois de decretarse o positivo. O traballador permanece ingresado en planta do Complexo Hospitalario de Ourense dende o pasado xoves.