CRTVG

Buscar

Pechan un colexio en Pontevedra por mor dun gromo con nove positivos

Publicado o 14/09/2020 11:43

As autoridades sanitarias ordenaron o peche do colexio plurilingüe Calasancio de Pontevedra ao detectaren un gromo de coronavirus que causou nove positivos, entre profesores e persoal non docente.

Nun comunicado emitido pola dirección do centro, o colexio explica que o pasado 8 de setembro as probas serolóxicas realizadas a todo o seu persoal deran negativo. Ao outro día, una das profesoras comezou a presentar síntomas e someteuse a unha proba PCR que confirmou a súa infección. Iso levou ás autoridades a illar a toda a xunta directiva do centro.

Todos eles, segundo o colexio, deron negativo nas probas. Xa o pasado sábado, unha segunda docente, que dera clase aos alumnos os dous primeiros días, tamén deu positivo por coronavirus.

O persoal do colexio, entre o que están docentes, limpiadores, administración, secretaría e comedor, foi sometido a probas durante a fin de semana, e, segundo a dirección do centro, oito persoas deron positivo.

Segundo o protocolo, agora deberá procederse á desinfección das instalacións e rastrexar os contactos das persoas infectadas. Por outra banda, Sanidade non desbota realizar PCR entre os alumnos que poidan estar en contacto co persoal que deu positivo.