CRTVG

Buscar

España supera xa os 2.000 contaxios por coronavirus e conta xa 48 mortos

Publicado o 11/03/2020 10:00

• Os efectos das medidas non se verán antes de 10 días

Son os datos de como está a evolucionar o coronavirus en España: 48 mortos e máis de 2.100 contaxiados. A comunidade de Madrid é a quen ten máis contaxiados con máis de mil, seguida do País Vasco con 261 casos e A Rioxa con 179.  Sanidade estima que a crise pode prolongarse ata catro meses.

Madrid segue sendo a comunidade máis afectada polo coronavirus. Nas últimas 24 horas detectáronse 240 novos contaxios e 10 falecementos, co que as cifras globais son de 1.024 infectados e 31 mortos, todos con patoloxías previas. 

Sanidade confía en que as medidas restritivas adoptadas nos últimos días axuden a frear as transmisións, pero advirte de que non haberá datos que o confirmen ata dentro de nove ou dez días. Para axudar a frear a transmision, o Ministerio pide aos residentes de Madrid e das outras zonas de risco, Vitoria e A Rioxa, que colaboren e que non viaxen.

Sanidade recoñece que o material de protección para o perosal sanitario escasea nos hospitais de Madrid, o que aumenta o estrés dos traballadores, pero anuncia que o abastecemento chegará nas próximas horas e que taballan para garantir recursos mentres dure a crise.

Desde o Ministerio confían en que o peche de colexios, centros cívicos e de mariores, a suspensión de actos multitudinarios e o fomento do teletraballo reduza de xeito importante o uso do transporte público, polo que non está previsto restrinxilo polo de agora.

Sobre o momento en que se adoptaron todas estas medidas, Sanidade asegura que foi despois de que o domingo se detectara un incremento importante de transmisión.

En Madrid a imaxe é hoxe a dunha cidade deserta. Metro e rúas baleiras, escolas pechadas.

Hoxe na Gran Vía, menos xente e máis máscaras do habitual. As medidas contra a coronavirus séntense mesmo no tráfico e no transporte público. 

Todos os centros educativos da comunidade, públicos e privados, están dende hoxe pechados, ata o próximo 25 de marzo. 

Tamén están pechadas as bibliotecas, os teatros e suspéndense todos os eventos que xunten máis de mil persoas. 

Unha situación excepcional que condiciona os actos de aniversario do 11-M, que hai dezaseis anos golpeaba a capital.

 As homenaxes limítanse a actos cun reducido grupo de invitados, como a ofrenda floral que realizaron a presidenta da comunidade e o alcalde de Madrid. Tamén se mantivo o acto no Bosque dos Ausentes, no Parque do Retiro, pero suspendeuse o que estaba previsto en Atocha. Os reis asisten esta tarde en París á homenaxe ás vítimas do terrorismo que organiza o presidente francés.

Madrid rexistra en 24 horas 10 mortos e 242 contaxios máis

Madrid rexistrou nas últimas 24 horas 10 mortos e 242 contaxios confirmados máis por coronavirus, sumando en total 31 falecidos e 1.024 casos confirmados, segundo informou o Goberno rexional.

Desde onte, ademais, producíronse 48 novas altas hospitalarias, de maneira que en total déronse 157 altas por melloría do paciente, que continuarán sendo atendidos por Atención Primaria con seguimento telefónico domiciliario. 

Sanidade pide a poboación das zonas de risco que non viaxe

No resto do Estado, as zonas máis afectadas seguen sendo Vitoria e a Rioxa, que viven hoxe o seu primeiro día de suspensión de clases. Tamén a conveniencia de suspender os actos multitudinarios levou por diante a festa das Fallas de Valencia.

Quedan aprazadas por orde na Generalitat, non só para evitar as aglomeracións, senón sobre todo para evitar os desprazamentos dende áreas onde hai transmisión comunitaria, concretamente a Comunidade de Madrid.

Unha decisión moi difícil, dixo, e non só por razóns afectivas, senón tamén económicas. Calcúlase un impacto de entre 700 e 800 millóns de euros, para o que piden axudas.

Tamén piden axudas os hostaleiros de Benidorn, afectados, din, pola suspensión das viaxes do Imserso. Valencia é ademais noticia polo contaxio de seis anciáns desta residencia de Torrent, que están sendo tratados nunha planta á parte. 

Mentres, na Rioxa e Araba viven o seu primeiro día de suspensión da actividade lectiva, hai medidas especiais nas outras dúas provincias de Euskadi. Os nenos contaxian, aínda que en condicións normais apenas sofren síntomas da enfermidade. Extremadura conta o seu primeiro falecido.

En Castela-A Mancha duplicáronse os positivos desde onte e sofren algún caso de escaseza momentánea en supermercados. En Catauña, o Govern suspende os grandes eventos e a comunidade chinesa anuncia o peche dos seus establecementos, e nas Canarias, o hotel de Adeje prepárase para reabrir tras ser desinfectado logo da corentena.   

Os efectos das medidas contra o coronavirus non se verán antes de 10 días

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, anunciou este mércores que o impacto das medidas que se están tomando para evitar a propagación do coronavirus non se verán antes de 9 ou 10 días, aínda que o seu efecto real estea a producirse antes.

Díxoo Simón en conferencia de prensa tras a reunión diaria do Comité de Seguimento e Avaliación do Coronavirus, en que pediu un esforzo a profesionais sanitarios, Administración e sociedade en xeral para tratar de que as medidas que se propuxeron "se implementen correctamente".

Recoñeceu que, de media, está a tardarse entre 4 e 5 días en realizar as probas diagnósticas ás persoas que chaman aos servizos de emerxencias.

Ao preguntarlle polas declaracións da chanceler alemá, Angela Merkel, que calcula que o 70 % dos alemáns se contaxiarán da enfermidade, sinalou que tentará falar co responsable desa estatística para pedir información adicional.

 

Noticias web

11/03/2020