CRTVG

Buscar

Pechan o tobogán urbano máis grande de España polos danos de varios usuarios

Publicado o 10/05/2019 21:44
Pechan o tobogán urbano máis grande de España polos danos de varios usuarios

O tobogán urbano máis grande de España, unha estrutura de 38 metros que conecta dúas rúas, foi pechado este venres de forma preventiva polo Concello de Estepona, un día despois da súa apertura, tras os danos sufridos por algúns usuarios.

O tobogán, que forma parte do proxecto de ampliación do Parque dos Nenos, é semicircular, está realizado en aceiro inoxidable e conta cunha pendente que oscila entre os 32 e 34 graos. Segundo explicou o Concello, o obxectivo deste tobogán, deseñado para que o poidan utilizar persoas de todas as idades, é dar solución ao gran desnivel de terreo existente na zona e comunicar dunha maneira rápida as rúas Sofía e Eslovaquia. Este proxecto lograra captar o interese de numerosos veciños do municipio e visitantes que durante as primeiras horas da súa apertura achegáronse a probar este innovador modo de transporte.

Con todo, en poucas horas as redes sociais enchéronse de vídeos de usuarios que se lanzaban polo tobogán a gran velocidade e sufrían aparatosas caídas ao final do mesmo, unha situación que abriu a polémica sobre a seguridade desta infraestrutura.

O Concello asegurou que o tobogán está homologado e cumpre todas as medidas de seguridade necesarias, e que nos vídeos publicados nas redes sociais os usuarios non cumprían as normativas de uso, que establecen unha postura específica para lanzarse. Con todo, ante o balbordo xerado por esta polémica, o Concello estuda agora medidas alternativas para evitar accidentes e garantir a seguridade dos usuarios. Ante esta situación, ordenou unha revisión complementaria do tobogán, á empresa instaladora, que certificara a súa seguridade e homologación. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/05/2019