CRTVG

Buscar

Pechan as actividades non esenciais no Carballiño, O Irixo e Boborás

Publicado o 22/10/2020 14:05

Durante 14 días, como mínimo, estas máquinas estarán paradas. Pecharon os ximnasios, piscinas e pavillóns deportivos do Carballiño, O Irixo e Boborás, os tres concellos onde se suspenderon actividades non esenciais, e algún máis dos arredores, que o fai por iniciativa propia.

Xosé Manuel Soto da Pena, que ten un ximnasio en Maside: "O ximnasio pertence a Maside, pero está máis cerca do Carballiño e vivimos cos clientes do Carballiño e de toda a comarca".

Lamentan, desde o sector, que os consideren actividade non esencial.

Claudio Mateo, que ten un ximnasio no Carballiño: "Hai xente que vén ao ximnasio pasar o tempo, pero hai moita que nos mandan os médicos, con tensión, diabetes, que ten que baixar uns quilos, rehabilitacións... E logo a cuestión mental: ansiedade, depresións...".

Na rúa, o que máis se observa é o peche da hostalería. Desapareceron as poucas terrazas que quedaban e os que se acolleron ao servizo a domicilio ou para levar, atenden desde a distancia.

María del Mar Ogando, serve comida para levar: "Necesitamos facer algo polo menos para sacar para gastos, porque os impostos cóbranos igual, a luz hai que pagala, a renda tamén".

Nas últimas 24 horas rexistráronse 5 positivos máis no Carballiño. Están en 185. Tristeza, pola pandemia e polas súas consecuencias, é a palabra que máis repiten os veciños: "Triste, moi triste, porque xa non hai xente e ao pechar os hostaleiros, ponse isto máis triste aínda". "Moi triste porque a xente non tivo precaución e agora estamos encerrados".

Cumpriuse unha semana do peche perimetral, pero a curva segue sen estabilizarse.

Noticias web

22/10/2020