Pechan a piscina municipal de Rodeiro tras sufrir o ataque dun grupo de vándalos
Con temperaturas de arredor de 30 graos en Rodeiro, a piscina municipal tivo que pechar as súas portas. Están a reparar os estragos que causou un grupo de vándalos na madrugada do sábado. Os atacantes saltaron o valado, intentaron arrancar os motores de cloración e baleiraron a piscina pequena e a metade da grande.
Hoxe, os nenos do campamento de verán, que van todos os días á piscina, tiveron que cambiar os seus plans.
"Xeralmente pasamos a metade da mañá na piscina e hoxe temos que reestruturar e facer outro tipo de cousas. Quédanos peniña, con este tempo tan bo, non poder gozar da piscina", explica Silvia, monitora do campamento. "Probablemente sexa unha das semanas de máis calor do verán. É unha mágoa", engade o seu compañeiro Brais.
No bar situado a carón da piscina din que esta situación tamén lles afecta moito.
"A min prexudícame porque teño a piscina ao lado e normalmente hai moito movemento. Ímolo pagar todos os veciños", salienta Noelia, a responsable do bar Esmorga.
Polo momento, xa encheron as piscinas e teñen que tratar a auga para poñela a punto. Moito gasto e traballo por un ataque que os responsables de mantemento e o resto dos veciños non entenden.
Baixo o sol e a calor, na piscina traballan arreo coa intención de que volva abrir este martes.