CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Pecha a Semana Verde de Silleda cos premios ás razas autóctonas

Publicado o 10/06/2018 21:34







Pecha as portas a Feira Internacional Semana Verde de Galicia con moita afluencia de público nos diferentes espazos da exposición. Esta tarde quixemos prestarlles unha especial atención ás razas autóctonas galegas.

Esta semana foi semana de gala para os mellores porcos celtas, para as cachenas, caldelás, frieiresas, limiás e vianesas máis xeitosas, e tamén para as galiñas de Mos. Saíron das cortes, ou dos prados habituais para exhibir as súas cualidades ante milleiros de curiosos. Son as nosas razas auténticas, e delas fachendean os seus propietarios.

E non só os grandes teñen cabida. Saúl é manexador de porco celta, e Cesáreo vai a carón del sen intimidarse polo público. Xa sabe o que é gañar polo seu bo andar e non se deixa cegar pola sona.

Tamén a máis pequena das premiadas vive allea ao éxito. Abondo ten con atender a rolada porque chocar hoxe en día é cousa de privilexiadas.

E así pechan a feira as premiadas nas nosas razas autóctonas, en perigo de extinción. O reto é ter máis competencia para o ano que vén porque iso significará que aumenta a aposta polo noso.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí