CRTVG

Buscar

Pazo de Meirás: o agasallo forzoso a Francisco Franco

Publicado o 02/09/2020 21:37

Situado no concello de Sada, o pazo de Meirás comezou a contruirse en 1893. Pertencía á escritora e aristócrata Emilia Pardo Bazán, aínda que hai estudos que certifican que unha das súas torres podería datar do século XVI, unha fortaleza dos Patiño, señores de Bergondo. En 1938 os sucesores da escritora deciden doar o pazo á Xunta Provincial pro pazo do caudillo, encabezada polo daquela gobernador civil da Coruña Julio Muñoz Aguilar e polo banqueiro Pedro Barrié de la Maza.

Os dous crean unha comisión que se encarga de recadar fondos para acondicionar o pazo e regalarllo despois a Francisco Franco. Estes cartos conséguense por medio de doazóns forzosas por parte de funcionarios, traballadores e veciños. O pazo de Meirás convértese así na residencia de verán do xefe do Estado e como tal acolle a celebración de consellos de ministros e recepcións oficiais no mes de agosto durante a ditadura.

Entre outros tesouros, o pazo de Meirás garda na súa decoración obras do mellor do artesanado galego da época. Tamén a valiosa bibiloteca de Emilia Pardo Bazán. Hoxe, a xustiza deu un primeiro paso para que os herdeiros do ditador devolvan o pazo ao patrimonio público.

Noticias web

02/09/2020