CRTVG

Buscar

Paulo Carril busca consolidar a CIG como primeira forza sindical

Publicado o 10/10/2021 08:18
Paulo Carril busca consolidar a CIG como primeira forza sindical

O secretario xeral de CIG, Paulo Carril, con 464 votos a favor, 35 brancos e 7 nulos, renovou este sábado o seu cargo á fronte da organización por outros catro anos, tempo no que aspira a "consolidar" o sindicato como primeira forza en Galicia e a poñer fin ás políticas lesivas dos distintos gobernos cos traballadores.

A CIG celebrou este sábado o seu VIII congreso confederal no que a única candidatura era a do actual dirixente, que se votou pola tarde, tamén coa nova executiva (427 votos a favor, 29 brancos e 3 nulos) e a comisión de garantías (472 votos a favor, 40 en branco e 4 nulos).

Durante a inauguración do congreso, en declaracións aos medios, Paulo Carril sinalou que entre os obxectivos que se marca a organización para a nova etapa figura dar resposta a unha crise económica e social que xa existía e que a pandemia multiplicou.

Para iso é preciso, sinalou, que tanto a Xunta como o Goberno central poñan en marcha un auténtico plan de recuperación económica, industrial, de emprego digno e de defensa dos servizos públicos que garantan o dereito de vivir e traballar en Galicia.

Do mesmo xeito, avogou por derrogar a reforma laboral na súa totalidade, eliminar a reforma das pensións e "todas as políticas lesivas" para os traballadores postas en marcha durante os anos de crise financeira e que perduraron.

"Hai que poñer en marcha a nova lexislación para que a clase traballadora galega non volva ser vítima da grande estafa que se mantén mediante políticas" que atentan contra os seus dereitos, dixo.

Para lograr estas metas, Carril considerou necesario consolidar a CIG como "a primeira forza" sindical en Galicia tanto en representativiade, afiliados coma en capacidade de mobilización.

"Hai que ser capaces de reforzar a combatividade, a mobilización, para lograr unha saída galega xusta á crise neste momento tan crítico", reivindicou Carril, que destacou o papel "fundamental" das mulleres na organización e apostou porque os marcos de soberanía, de capacidade de decisión de Galicia sexan "unha realidade".

Coñecidos os resultados, Carril afondou na necesidade de transformar a realidade e na loita pola soberanía de Galicia.

Noticias web

10/10/2021