CRTVG

Buscar

Paula Iglesias, ás portas do europeo absoluto de atletismo en pista cuberta

Publicado o 13/02/2019 20:10

A vindeira fin de semana disputarase o Campionato de España de atletismo en pista cuberta. A coruñesa Paula Iglesias é unha das bazas galegas para ao podio. A coruñesa acaba de bater o récord galego dos 400 metros con 54 segundos e dúas centésimas.

Ao paso da curva final, Paula era segunda. Na recta lanzouse polo título de campioa de España sub-23 e pola marca. Récord galego absoluto e cuarta mellor marca sub-23 da historia do atletismo español. Na meta, sorpresa.

Paula Iglesias, campioa de España sub-23 dos 400 metros: "Para chegar alí e poder loitar tes que crer que podes facelo. Cabía a posibilidade, pero a marca si que non a esperaba".

Margot Merayo, adestradora do Club Atletismo Riazor Coruña: "A marca é estratosférica. Cando soñas esperta dis: por que non 54 baixo? Pero non".

A atleta do Riazor Coruña chega ao Campionato de España absoluto coa terceira mellor marca da temporada, a unha décima da mínima para o Europeo do vindeiro mes.

Paula Iglesias, campioa de España sub-23 dos 400 metros: "Nun principio non mo propuxen. Nin ela tampouco. Pero agora que está tan cerca, porque non pensar en polo menos loitar por iso".

Nos dous últimos anos, Paula mellorou dous segundos a súa marca.

Paula Iglesias, campioa de España sub-23 dos 400 metros: "Débese principalmente a un cambio de mentalidade. E iso é grazas á experiencia. Cando era pequena poñíame moi nerviosa e custábame afrontar os campionatos como unha oportunidade de poder loitar polo ouro ou polas medallas.

A adestradora de Paula Iglesias é a súa nai, Margot Merayo.

Margot Merayo, adestradora do Club Atletismo Riazor Coruña: "Paula gateou por esta pista. É atleta desde que naceu porque non lle quedou outro remedio".

Paula Iglesias , campioa de España sub-23 dos 400 metros: "Hai vantaxes como a confianza e poder falar de calquera cousa e que me coñece mellor que ninguén".

Margot Merayo, adestradora do Club Atletismo Riazor Coruña: "Á hora de esixirlle ela sabe que lle esixo un pouco máis ou cre ela que lle esixo un pouco máis".

O obxectivo é alcanzar por primeira vez a internacionalidade. Se non sae agora, no verán buscará a mínima para o europeo sub-23.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2019