CRTVG

Buscar

Paula Badosa gaña Indian Wells e confirma a súa remonta física e mental

Publicado o 18/10/2021 20:32

2021 é o ano en que Paula Badosa comezou a pasalo ben xogando ao tenis. E quizais por iso, e porque a fortaleza mental acompaña á física, a catalá triunfou en Indian Wells.

Antes de chegar aquí, Paula pasou polos oitavos de final en Wimbledon ou polos cuartos en Roland Garros...

"Non é que estea enfadada, estou triste. Ao final sempre soñei con estar nas roldas finais dun gran slam, e que escape por tan pouco e que non encontre as miñas mellores sensacións ponme triste. Non souben xestionar todo isto. Hoxe fíxoseme grande", asegurou tras ser eliminada en Roland Garros en xuño deste ano. 

A tenista que é, e que moitos distinguiron tras conquistar o Roland Garros xúnior de 2015, comezaba a tomar forma. Pero faltáballe dar ese paso que a conducise a un título prestixioso. Ante Azarenka fixo o partido que marca un antes e un despois na súa carreira.

"Ela fíxome mellor no partido, apertámonos moito mutuamente. Foi un partido moi duro, cun nivel moi alto e moita agresividade", explica. 

Con esta vitoria Paula sobe ata a undécima posición da clasificación mundial. Comezou sendo a 70. Ten serias opcións de disputar o Masters feminino, o que reunirá as 10 mellores do mundo en novembro en México. Badosa non esquece o tempo en que estivo a piques de deixalo todo.

"Teño memoria e sei o que pasei. Sufrín moito e tive que traballar moito. Pasei por unha depresión e tive que tratarme. Non lle vía sentido ao tenis. Sufrín moito polas présas e as expectativas doutros. Parece que con 21 anos hai que gañar estes torneos, e cada un ten os seus tempos", afirma a tenista. 

Pois chegou o seu momento. Aos 23 anos, Paula Badosa convértese na primeira española que gaña Indian Wells.

Noticias web

18/10/2021