Patrullas veciñais nas Somozas para previr incendios forestais
Veciños das Somozas patrullan os montes da zona para evitar incendios forestais. Distribuídos en quendas de vinte e catro horas, percorren os terreos do lugar e vixían tamén as vivendas co obxectivo de disuadir posibles amigos do alleo.
Vixilancia as vintecatro horas, iso é o que realizan oitenta veciños de As Somozas dende hai máis dunha década durante a campaña de incendios. Organizados en patrullas, totalmente equipados e subidos a un todo terreo velan pola seguridade dos seus montes en quendas que comezan ás oito e media da mañá e rematan á mesma hora do día seguinte.
Manuel Graíño, veciño voluntario que patrulla os montes:"Vixiamos o monte nas zonas máis altas, sobre todo polas noites, porque de día xa somos moitos a mirar"
Fernando Galego, veciño voluntario que patrulla os montes: "Buscamos as zonas máis altas para divisar o maior terreo posible. Se vemos fume avisamos aos medios de extinción".
Pero este conxunto de veciños, agrupados na Asociación de Produtores de Madeira de As Somozas, non só vixía os montes.
Antonio López, presidente Asociación de Produtores de Madeira de As Somozas: "Os coches que están aparcados, e se desconfiamos deles tamén miramos as casas, as fincas de ganado e todo iso".
A iniciativa, que dende hai anos é un éxito total, xurdiu da necesidade de protexer a madeira dos montes.
Antonio López: "O monte valía pouco e montamos unha asociación para mirar pola nosa madeira. Pouco a pouco fomos vixiando os montes e levamos seis anos sen que se produza un lume".
E non só percorren As Somozas.
Antonio López:"A zona de Ortigueira, a zona de As Pontes e tamén a zona de Ferrol"
Un labor totalmente altruísta que realizan veciños e veciñas de todas as idades tanto de As Somozas como de concellos limítrofes.