CRTVG

Buscar

Patricia García: "Os empresarios queremos estabilidade, e creo que é responsabilidade de todos os líderes políticos"

Publicado o 27/09/2019 10:55

Patricia García, presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, analizou esta mañá no Bos días a situación política e as súas implicacións na economía e no sector empresarial: "É unha situación de incerteza, pero os empresarios vivimos na incerteza continua. Sempre hai moita nos ingresos, por exemplo. O que temos que facer é buscar retos e oportunidades e sufragar esas ameazas que impregnan a incerteza política", asegurou.

"Nós queremos estabilidade. Creo que é responsabilidade de todos os líderes políticos. E gústame matizar o de líderes políticos, porque non exerceron diso: puxeron os intereses partidistas por enriba dos bens do Goberno e non respetaron os votos dos cidadáns. Non podo tachalo doutra forma máis que de fracaso, un fracaso de todos os candidatos", afirmou valorando o panorama político.

"Necesitamos un Goberno estable, politicas de Estado estables, políticas estratéxicas que determinan a economía e o seu dinamismo, a economía dos empresarios, dos cidadáns, os traballadores. Non esquezamos que somos os empresarios e os traballadores os que facemos que o país vaia ben", afirmou.

"Isto é un fracaso. Nunha empresa non sería sostible", asegurou Patricia García de forma rotunda.

Cando asumiu a presidencia do Círculo de Empresarios, a súa presidenta dixo que debía actuar como lobby. Na conversa con Fran López Iglesias dixo que debía ser "lobby nun sentido positivo, porque creo que debemos de traballar nunha liña única e cooperar na busca de solucións que se deben plasmar na economía. Na economía en maiúsculas. As políticas deben ser estables, estar pactadas, non podemos estar cambiándoas continuamente".

"As empresas teñen que crecer, atraer industria, xerar novos ecosistemas empresariais, implantar innovación continúa que é a forma de competir, non co baixo custo. E para iso necesitamos acordos estruturais que permitan que compitamos en igualdade de condicións con outros lugares e países alleos á Unión Europea".

Sobre os retos empresariais está o de medrar e competir, pero para iso é cre que é preciso poder conar cos mellor preparados e deter a fuga de xente nova que ben formada se ve obrigada a buscas outras oportunidades fóra: "Somos capaces de reter talento? Non. Pero eu quero que o talento teña a opción de quedar ou de marchar. Pero temos que ser atractivos. Para iso temos que ter empresas que crezan. Hai que baixar a fiscalidade, permitir flexibilidade laboral, para que as empresas non teñan medo a contratar".

Noticias web

27/09/2019