Celébrase en Boimorto o primeiro encontro galego da raza de cans Border Collie
Son dúas xornadas, abertas ao público en xeral, para difundir e potenciar as calidades desta raza de cans orixinaria da fronteira entre Escocia e Inglaterra.
Enrique é o organizador deste evento. Ten seis border collie e para el son os seus grandes compañeiros na granxa. Téñeno engaiolado e, o mesmo ca outros gandeiros, dialoga co can a través de acenos, palabras e asubíos.
Yill é a cadela da Juan Carlos. Ten corenta ovellas e axúdase dela todos os días para gobernalas. No curso de hoxe, con este formador que veu dende Euskadi, tratará de perfeccionar o xeito no que se comunica con Yill.
Ander di que son uns cans moi sensibles, extremadamente intelixentes e que hai que entender a súa cabeza e respectalos, evitando encerralos en pisos onde non poden desenvolver o seu instinto de afalar o gando.