Pasou o peor de Amelie que tamén deixou a súa pegada noutros puntos de Galicia

Pólas tiradas e árbores caídas en varias localidades das provincias costeiras. Os refachos máis importantes rexistráronse de madrugada e superaron os 100 quilómetros por hora en varias bisbarras.
Esta mañá o paso deste primeiro temporal do outono facíase máis visible nos cantís. As ondas, de ata cinco e seis metros, bateron con forza en moitos puntos da costa galega.
As condicións meteorolóxicas condicionaron, e moito, o tráfico marítimo. E deixaron imaxes pouco habituais na Costa da Morte. O iate Serene, propiedade do príncipe saudita Mohammed bin Salman, está fondeado ao abrigo do cabo Fisterra para protexerse do temporal.
Non é o único buque, pero si o que máis chama a atención. Son 134 metros de eslora e ten sete cubertas. Máis de 12.000 metros cadrados, unha plataforma para helicóptero e varias piscinas. Fora mercado por 500 millóns de euros, pero o seu valor duplícase cunha obra de arte que, segundo din varios medios, ten nun dos salóns: o Salvador Mundi de Leonardo da Vinci, valorado en 400 millóns de euros.