CRTVG

Buscar

Pasan a disposición xudicial os detidos nas operacións antidroga do Salnés

Publicado o 16/05/2018 20:50

• Pretendían distribuír 7 quilos de heroína desde o Salnés

• Declararon esta mañá perante a xuíza de Cambados

Seis detidos nas dúas operacións contra o tráfico de drogas no Salnés pasaron esta mañá a disposición xudicial en Cambados e Vilagarcía. En total, foron dez arrestados e doce quilos de droga comisados.

Os dous integrantes da rede turcoholandesa que pretendían distribuír 7 quilos de heroína desde o Salnés declararon esta mañá ante a xuíza de Cambados. O xulgado número 3 desta localidade e a Fiscalía antidroga da provincia de Pontevedra dirixen esta operación, que rematou con catro detidos máis. Dous deles son cidadáns portugueses que foron interceptados cando transportaban a droga e outros 20 quilos de substancias para mesturar. Estes declararon onte: un entrou en prisión e o outro foi posto en liberdade. Nesta operación tamén están detidos dous galegos. Axentes da Udyco de Pontevedra e do Equipo contra a Delincuencia Organizada da Garda Civil realizaron onte varios rexistros nunca casa en Vilalonga e tamén no centro de Sanxenxo.

O trámite repetiuse nos xulgados de Vilagarcía. Alí foron catro persoas as que declararon esta mañá ante o xuíz. Son tres galegos e unha brasileira detidos nunha operación dirixida contra unha organización intermedia entre os narcos e os pequenos distribuídores. Neste caso foron comisados cinco quilos de cocaína e 20.000 euros. Os tres galegos forman parte do chamado clan Salamanca e teñen antecedentes polo mesmo motivo. Os investigadores do GRECO destacan a actividade e a loxística da rede para colocar a cocaína na rúa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/05/2018