Pasan a disposición xudicial os tres mozos detidos pola morte de David Carragal
A policía imputa un delito de homicidio aos tres mozos detidos pola morte de David Carragal, de 33 anos e natural da localidade asturiana de Cudillero. A vítima faleceu este luns, despois da agresión que sufriu na madrugada do 11 de xuño durante as festas da Florida, en Oviedo.
Os detidos pola morte de David Carragal pasaron a disposición xudicial tras declarar ante os investigadores policiais. Os tres mozos, asturianos e con idades comprendidas entre entre 18 e 20 anos, recoñeceron que tiveran un altercado coa vítima. A Policía arrestounos por suposto homicidio.
Marcos González, xefe da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta: "Os tres mozos están detidos como presuntos autores do homicidio. Nós expoñemos os feitos, damos conta á autoridade e será ela quen decida o grao de implicación de cada un deles".
Os axentes consideran que non houbo asañamento e que á vítima non lle deron unha malleira.
Juan Jesús Herranz, comisario da Policía Nacional: "Iso é un concepto algo indeterminado e eu diría que non, que foi agredido. Non foi un asañamento".
David Carragal faleceu o luns no Hospital Universitario Central de Asturias, onde permanecía en estado crítico desde que sufriu a agresión na madrugada do 11 de xuño. A súa morte conmocionou á súa localidade natal de Cudillero, onde na tarde do mércores foi o funeral.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí