CRTVG

Buscar

Pasan á disposición xudicial os catro mozos detidos pola morte de Samuel

Publicado o 09/07/2021 10:14

O delegado do Goberno non descarta novas detencións

• O avogado do cuarto detido asegura que o seu cliente "é inocente"

Foto: EFE

Os catro mozos de 20 a 25 anos detidos como presuntos autores da brutal malleira mortal a Samuel Luiz pasaron este venres á disposición da titular do Xulgado número 1 da Coruña. Os dous primeiros chegaron minutos antes das dez da mañá e xa minutos despois, nunha furgoneta da Policía Nacional, chegaban os outros dous.

Dous dos varóns e a muller foron deitdos o martes, e o último deles na madrugada do xoves. Todos eles son veciños da Coruña, de nacionalidade española e amigos entre si, pero ningún coñecía a vítima, segundo aseguran os investigadores.

Aos catro, que non teñen antecedentes penais, imputáselles provisionalmente un delito de homicidio, e ao último dos detidos, ademais, investígano por apropiación indebida por quedar supostamente co teléfono de Samuel Luiz.

O delegado do Goberno manifestou que continúan coas investigacións e que non se descartan novas detencións. José Miñones destacou que os mozos dixeron que non coñecían a Samuel e que non teñen antecedentes. 

"O meu cliente é inocente"

O avogado do último dos detidos, José Ramón Sierra, asegurou á entrada dos xulgados da Coruña que o seu patrocinado, acusado de homicidio e apropiación indebida do teléfono móbil da vítima, "é inocente".

En declaracións aos xornalistas, Sierra remarcou que o seu cliente, que foi detido a noite do mércores ao xoves, non participou "nin no linchamento nin no que sexa que é un homicidio".

"Declarou en dúas ocasións, primeiro como testemuña e logo como acusado", recalcou o letrado, que explicou que o mozo acudiu voluntariamente a declarar á Comisaría de Policía de Lonzas como testemuña e posteriormente detivérono.

Neste sentido, engadiu que nunca se acolleu ao dereito a non declarar, pois "conta a verdade" porque "os inocentes declaran sempre".

Preguntado por se os detidos declararon que estaban bébedos, Sierra aclarou que o descoñece. "Eu non estaba nas declaracións dos demais. Son secretas. E non sei como poden declarar que estaban bébedos se non declaran", engadiu.

Así, tamén asegurou que as cámaras non captaron o seu cliente: "Que o sinalaran as cámaras é unha gran sorpresa, pódolle garantir que non". Finalmente, afirmou que se atopa "mal" e considerou que este pase á disposición xudicial "é un erro".

Pola súa parte, o defensor doutro dos detidos aseguraba que se trataba cun "caso complicado"

"Non podo dicir nada porque está baixo segredo de sumario", afirmou á súa chegada aos xulgados.

Noticias web

09/07/2021