Pasan a disposición xudicial os dous presuntos organizadores da festa ilegal montada nunha nave agrícola de Barcelona
Os organizadores da festa montada na Noitevella nunha nave desocupada do concello barcelonés de Llinars del Vallés contaban que o evento rematase hoxe, pero a denuncia dos veciños da zona e a intervención policial acabaron poñéndolle fin anticipadamente o sábado pola mañá, tras horas de espera e de polémica.
No momento da actuación quedaban aínda no interior do edificio 214 persoas. Todas foron identificadas e levantóuselles acta de infracción, pero os que de entrada se enfrontan a penas máis graves son unha holandesa de 29 anos e un mozo de Tarragona de 22. Os dous son considerados responsables da festa e son tamén por iso os primeiros en pasar a disposición xudicial.
Pero hai outras cinco persoas máis imputadas tamén como presuntas organizadoras e por desobediencia grave. Amais da sanción pola organización do evento ilegal, poderían enfrontarse a penas de 600.000 euros por un delito contra a saúde pública por non cumprir coas normas anticovid canto ás máscaras ou a distancia de seguridade.
A patronal do ocio nocturno en Cataluña anunciou hoxe a súa intención de exercer como acusación particular.