CRTVG

Buscar

Pasa a disposición xudicial o presunto parricida de Sárdoma

Publicado o 14/01/2019 14:10

Esta mañá pasou a disposición xudicial o presunto parricida de Sárdoma.

O presunto parricida de Sárdoma volveu hoxe aos xulgados vigueses. Fíxoo neste furgón policial poucos minutos antes das nove da mañá. Onte xa estivera nestas dependencias, pero a maxistrada de garda decretou a prórroga do seu arresto para que nesta xornada comparecera ante o xulgado de instrución número oito que, dende o inicio, se fixera cargo do caso.

Sabemos que por espazo dunha hora e media o detido prestou declaración ante o xuíz e que a Fiscalía solicitou o seu ingreso en prisión provisional. Arestora, o presunto parricida continúa en dependencias xudicais, á espera de coñecer a resolucion do maxistrado respecto dos delitos que se lle imputan e o seu posible traslado ao cárcere.

O fillo do octoxenario que apareceu morto en Sárdoma quedou detido o xoves pasado pola tarde despois de recoñer os feitos nun rexistro en que acompañou a policía na propiedade familiar onde residía co seu pai. Non acudía en calidade de detido pero, ao parecer, derrubouse e díxolles aos axentes que matara o seu pai no transcurso dunha discusión. O sábado, xa en calidade de detido, foi trasladado de novo á vivenda familiar e por espazo de oito horas participou nun rexistro cun importante despregamento xudicial. Polo de agora non transcendeu se hoxe diante do xuíz ratificou a versión que dera aos axentes.

O cadáver do octoxenario apareceu o sete de xaneiro no camiño do Pontillón nunha zona próxima ao seu domicilio pola que acostumaba a pasear. O seu corpo atopouno un veciño con evidentes sinais de violencia, con golpes na cabeza, os pés atados e cuberto de plásticos e canas. Polo de agora, o xuíz non levantou o segredo sumarial.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2019