CRTVG

Buscar

O fiscal considera o crime da Coruña un delito de "extrema gravidade" contra a muller

Publicado o 19/09/2021 12:18

• O avogado da familia pide prisión non comunicada e sen fianza

Berros en corenta localidades galegas contra a violencia machista 

O detido como presunto autor do crime machista ocorrido o mércores pasado na Coruña pasou a disposición xudicial ás dez desta mañá nos xulgados de garda da cidade.

O home, de 48 anos e con antecedentes por violencia de xénero sobre outras dúas mulleres, foi trasladado desde Madrid á comisaría de Lonzas na noite deste venres.

As forzas de seguridade detivérono na capital un día despois de supostamente asasinar a coiteladas a Mónica Marcos, de 52 anos, na súa vivenda do barrio do Birloque. Este sábado tomáronlle declaración pero non quixo participar.

Extrema gravidade

O fiscal de garda na Coruña, Luís Anguita, considera que o crime é "un delito contra a vida" de "extrema gravidade" que non se pode permitir "nunha sociedade moderna coma a nosa".

Ás portas dos xulgados, aclarou que a súa cualificación como asasinato ou homicidio, e outras eventuais circunstancias concorrentes, determinaranse durante a instrución que levará o tribunal específico de Violencia de Xénero.

Ao preguntarlle polas medidas que solicitará a Fiscalía, Anguita dixo que primeiro hai que escoitar o detido porque "é un delito contra a muller de extrema gravidade", insistiu.

Prisión non comunicada

Pola súa banda, o avogado da familia da vítima, Guillermo Mosquera, manifestou a súa confianza en que a xuíza de garda emita un auto de prisión non comunicada e sen fianza para o presunto autor do crime. "Veremos se quere declarar ou non ante o xuíz", engadiu. En todo caso, remitiuse ás probas e á instrución do caso.