Pasa a disposición xudicial o presidente do Colexio de Enfermería de Pontevedra
Este venres pasan a disposición xudicial o presidente do Colexio de Enfermería de Pontevedra, Carlos Fernández, a súa muller e unha das súas fillas, arrestados pola suposta comisión dos delitos de branqueo de capitais, falsidade documental e administración desleal.
O xoves efectuáronse rexistros durante varias horas no domicilio da familia e na propia sede colexial, situada na cidade de Vigo, á procura de documentación e probas.
A investigación está en mans da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional. O Xulgado de Instrución número dous de Vigo leva a causa que está declarada secreta.
O secretario da entidade, Faustino Portela, chegara a acusar publicamente a Carlos Fernández por xestión opaca e supostas irregularidades. O colexio adebédalle ao Consello Xeral de España seis millóns de euros polo impago de cotas que son obrigatorias.