O detido por matar un veciño de Redondela pretendía roubarlle a droga e non matalo
O comisario xefe da comisaría de Vigo e Redondela informou en conferencia de prensa de que a intención do detido polo crime de Chapela era a de roubarlle a droga e os cartos que tiña a vítima e non matalo. Carlos Alfonso Valcárcel dixo que a morte se produciu por sufocación, xa que lle tapou o nariz e a boca.
Despois de maniatalo de pés e mans, o detido botoulle un chaleco por riba como "mostra de arrepentimento", tal e como destacou o comisario.
A vítima dedicábase á venda polo miúdo de drogas e o detido era comprador habitual. Segundo relatou Valcárcel, o autor dos feitos estaba convencido de que lle vendía droga adulterada e acudira á súa vivenda para arrebatarlla.
"Foi unha investigación moi complexa porque citamos a declarar os presuntos compradores de droga", destacou o comisario. Nun primeiro momento pensaban que poderían ser dúas as persoas implicadas no suceso, pero só interviu o detido.