CRTVG

Buscar

Prisión provisional e sen fianza para o home acusado de matar a Marta Calvo

Publicado o 06/12/2019 20:15

Prisión sen fianza para o detido en relación coa morte de Marta Calvo. O home negouse a declarar hoxe ante a xustiza. Ante a Garda Civil confesou que despezara o corpo da moza. Pero di que non a asasinou, senón que ela morreu tras consumir cocaína. Os investigadores non o cren e por iso buscan sen descanso o corpo da muller.

Jorge Ignacio chegou ás 12:30 ao xulgado de Alzira que investiga a morte de Marta Calvo. Pero estivo dentro pouco tempo. O despezador confeso de Marta negouse a declarar ante a xustiza.
O acusado dixo estes días ante a garda civil que a moza morreu por accidente nunha noite de sexo con drogas e que torou o seu corpo para botar os anacos en varios colectores do lixo.

Óscar Fernández Castilla, avogado do acusado: "Negamos a comisión do delito de homicidio. Entendemos que foi unha morte accidental. Non estamos facendo tempo para nada. O meu cliente está colaborando".

Os investigadores non cren a súa versión. E estes días remexen en todos os vertedoiros en busca dos restos humanos. Só a autopsia poderá confirmar se a moza morreu por sobredose ou tivo unha morte violenta.
O acusado ten antecedentes por narcotráfico e foi investigado pola morte doutra muller nas mesmas circunstancias.

Pilar Jove Antón, avogada da familia da vítima: "Ben, a min o que me sorprende é que é a segunda vez que lle pasa. É moi curioso ou ten moi mala sorte".

Marta Calvo tiña 25 anos e quedara co acusado a través de Internet. Xa na casa do home e antes de morrer, mandoulle á nai un whatsapp coa súa localización. A policía ten abertas todas as vías de investigación e non desbota que na casa houbera unha terceira persoa.

 

 

Noticias web

06/12/2019