CRTVG

Buscar

Pasa a disposición xudicial o detido por degolar a súa ex-parella en Denia

Publicado o 24/10/2019 14:50

É o momento en que o home que, presuntamente, degolou a súa ex-parella na localidade alacantina de Denia era trasladado aos xulgados de violencia sobre a muller, para declarar ante a xuíza que instrúe o caso. Un interrogatorio que se produce despois de que o home, de 54 anos, estivera desde o martes nos calabozos, tras ser detido como suposto autor do crime.

Vítima e agresor, ambos de nacionalidade rusa, atopábanse en trámites de separación. A muller estaba baixo protección e el tiña unha orde de afastamento. Con todo, accedeu á vivenda da muller de madrugada e matouna, estando no domicilio a filla dela, de 11 anos.

Segundo fontes da investigación, o agresor planificou o crime. Mercou unha escaleira de 3 metros para subir ata a galería da casa da súa ex-parella. Despois forzou a porta para entrar na habitación onde a vítima durmía coa súa filla. O home ordenoulle, presuntamente, á menor que saíse do dormitorio para avisar a policía. Nese momento aproveitou para degolar a muller cun coitelo carniceiro que mercara o día anterior. A continuación agardou a chegada dos axentes, que procederon á súa detención.

Elena, de 44 anos, é a vítima mortal número 49 da violencia machista no que vai de ano. Esta mañá tiña lugar unha concentración na Generalitat Valenciana para condenar este novo crime machista.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/10/2019