CRTVG

Buscar

Pasa a disposición xudicial o detido polo asasinato de Clara María Expósito

Publicado o 11/02/2020 11:58

O home de 47 anos, Francisco Javier Belda, detido o sábado pola tarde como investigado polo homicidio de Clara María Expósito, a muller coa que mantiña unha relación sentimental desde o pasado verán, pasou esta mañá á disposición do Xulgado de Instrución Número 3 da capital lucense, especializado en casos de violencia machista.

O detido chegou á sede xudicial pouco despois das 11:30 horas, para comparecer ante o titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo como investigado polos delitos de homicidio, violencia de xénero e violencia doméstica.

O cadáver da muller, que estaba separada e tiña dous fillos, un deles maior de idade, foi achado na súa casa, nun piso da rúa da Ferradura -no barrio lucense das Gándaras- a noite do venres.
Foi a nai da vítima a que alertou sobre as 22:00 horas do venres do achado do cadáver, que presentaba feridas de arma branca no pescozo.

O sospeitoso foi detido o sábado pola tarde e trasladado aos calabozos da Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía, onde permaneceu desde entón, á espera de que os encargados da investigación completasen as dilixencias encargadas polo xulgado, entre elas verificar se un coitelo que apareceu na zona das Gándaras é a arma do crime.

O Concello de Lugo decretou onte tres días de loito oficial polo asasinato.