Pasa a disposición xudicial no Porriño o suposto autor do crime de Salceda de Caselas
Esta mañá pasou a disposición xudicial o suposto autor da morte a coiteladas do mozo marroquí de Salceda de Caselas.
Ás once menos dez da mañá, nun coche camuflado da Garda Civil, chegaba aos xulgados do Porriño o único detido como presunto autor do acoitelamento mortal en Salceda de Caselas. Escoltado por varios axentes, coa cara descuberta e esposado, entrou en dependencias xudicias para prestar declaración no xulgado de instrución número un, encargado do caso. O detido ten 29 anos e non conta con antecedentes penais. Coñecido, pola súa nacionalidade, polo alcume de o Alemán, foi arrestado o sábado á primeira hora da tarde cando chegaba de traballar ao seu domicilio en Salceda. Vivenda á que despois foi trasladado para participar nun rexistro probablemente na procura da arma do crime.
Os feitos aconteceron na madrugada do sábado nas inmediacións dunha zona de ocio. O falecido é un mozo de 24 anos veciño de Tui pero moi coñecido en Salceda de Caselas, onde traballaba en locais de hostalería. A vítima recibiu tres coiteladas que resultaron mortais e o seu presunto agresor fugouse. A investigación está aberta e non transcenderon máis datos das circunstancias nas que se produciu o asasinato.
No momento de redactar esta infomación, o detido continuaba declarando ante a maxistrada encargada do caso. Centos de persoas participaron nas últimas horas nunha concentración en memoria do falecido e en apoio á súa familia. Está previsto que o seu cadáver sexa repatriado a Marrocos para poder ser soterrado no país natal dos seus pais.