CRTVG

Buscar

A aprobación das listas electorais acapara a información de precampaña

Publicado o 19/03/2019 09:10

A aprobación das listas electorais acapara a información de precampaña. Ante as críticas, o PSOE nega que os cambios nas candidaturas andaluzas sexa un axuste de contas con Susana Díaz. O PP gábase de ser os únicos que non practicaron purgas nin fomentaron o transfuguismo. En Podemos, o descontento interno chega pola estratexia do partido en Cataluña.  

Ciudadanos presume da fichaxe do avogado do Estado, Edmundo Bal, substituído no seu día polo Goberno por discrepar na acusación do procés.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos: "Unha persoa que defendeu a Constitución, que defendeu o estado en Cataluña, que mesmo se enfrontou a Sánchez cando o intentaba purgar e á ministra Delgado, creo que representa o mellor deste país".

En Podemos, o gañador das primarias en Cataluña, Óscar Guardingo, renuncia a concorrer despois de verse relegado ao posto 11. Critica o perfil independentista das listas e a dirección defende o pacto con Ada Colau.

Pablo Echenique, secretario de Organización de Podemos: "Respectamos a súa decisión. Estamos moi orgullosos do acordo con En Comú Podem, que gañou dúas veces as eleccións xerais en Cataluña".

O PSOE presume dunha renovación do 80% nas candidaturas. E ante as críticas pola imposición de nomes en Andalucía, sinalan:

Juan Cornejo, secretario de Organización do PSOE de Andalucía: "Houbo nomes que eu non sabía nin quen eran".

Ferraz lémbralle a Susana Díaz a liberdade que lle deixaron nas autonómicas.

José Luis Ábalos, secretario de Organización do PSOE: "O que lles aceptamos aos demais pedimos que se respecte a nivel federal. E iso non significa axustar contas. Significa escoller aquilo que máis cremos que responde ao equipo que queremos facer".

No PP, Pablo Casado rexeita a acusación de purgas por pasar, di, dous deputados do Congreso ao Senado.

Pablo Casado, presidente do PP: "A deriva haberá que preguntarllela aos partidos que fan 'pucheirazos', aos que alentan o transfuguismo ou aos que fixeron unha auténtica purga nas súas listas electorais como declararon algúns baróns territoriais antonte no Partido Socialista".

O líder popular volveu pedir un debate a dous con Sánchez. Cre Casado que o presidente do Goberno o rexeita porque teme que non lle vai ir ben. No PSOE, achacan a insistencia do líder popular á súa desesperación para ser visto como alternativa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/03/2019