CRTVG

Buscar

Parter ten ata o 31 de xullo para presentar avais que garantan a venda de Alcoa

Publicado o 06/07/2019 11:35

Desbloquéase a venda de Alcoa a Parter. Para que a operación sexa efectiva o fondo suízo aínda ten que demostrar a súa solvencia económica. Ten ata o 31 de xullo. No acordo pechado nas últimas horas, Parter garante a continuidade de todos os traballadores da Coruña e Avilés e tamén se compromete a manter a produción durante dous anos.

O comité de empresa de Alcoa da Coruña explicoulles en asemblea aos traballadores o contido do acordo de venda entre a multinacional estadounidense e Parter, unha operación que se pechou tras xornadas maratonianas de negociacións. Para que a venda sexa efectiva, o fondo de investimento suízo terá que prsentar as garantías financeiras esixidas por Alcoa, que son uns 30 millóns de dólares. Terao que facer antes do 31 de xullo. O prazo remataba o próximo luns, pero as partes, incluídos os comités de empresa, acordaron amplialo. O que non ratificaron os representantes dos traballadores foi o acordo de venda, e iso que Alcoa insistía en que o fixeran. Os comités só plasmaron a súa sinatura nunha acta a título informativo.

Juan Carlos López Corbacho Comité de empresa de Alcoa na Coruña: "Nesta acta final que firmamos queda clara a nosa postura. Hai unha claúsula en concreto que di que nós non coñecemos como Alcoa fixo este proceso de venda. A partir de aí a nosa responsabilidade nese apartado quedou clara".

O 31 de xullo Alcoa terá que informar os traballadores da venda a Parter se esta cumpre as condicións financeiras. Se non demostrara a súa solvencia, o que lles terá que comunicar é a entrada en vigor do despedimento colectivo.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/07/2019