Comparecencia de Sánchez ás 10:00 h tras un Consello de Ministros extraordinario
• Sigue en directo a conferencia de prensa
• Núñez Feijóo cre que a lexislatura está morta
48 horas despois de que o Parlamento rexeitara os seus presupostos, Pedro Sánchez convoca Consello de Ministros extraordinario. É un dos trámites constitucionais previos á disolución das cortes. Ás dez da mañá, o presidente do Goberno fará unha declaración institucional desde a Moncloa. María Jesús Montero dá por bo que será para desvelar data das eleccións.
María Jesús Montero, ministra de Facenda "Adiántase a convocatoria electoral se non hai presupostos. A dúbida é cando. Ao longo do ano 2019 seguro".
Nas últimas horas, algúns medios apuntaban a que Sánchez podía optar pola moción de confianza como vía intermedia para gañar osíxeno e prolongar a lexislatura. Un dos seus homes de confianza, o ministro Ábalos, descartábao.
José Luis Ábalos, ministro de Fomento: "Non lle vexo sentido a unha moción de confianza. Sempre dixemos que ía haber eleccións e, por suposto, haberá eleccións".
As críticas dos baróns territoriais debilitaron a hipótese do 'superdomingo' electoral o 26 de maio. O 28 de abril é a opción con máis papeletas, tal e como admite un dos socios orzamentarios do PSOE.
Irene Montero, voceira de Unidos Podemos no Congreso: "Todo parece indicar que vai ser esta data, aínda que ata que o diga o presidente non o sabemos. Nós estamos preparados e creo, ademais, que é o momento de que España fale. O Partido Socialista, Pedro Sánchez, demostrou os límites deste Goberno en solitario".
Todas as olladas estarán postas no Consello de Ministros deste venres. Presumiblemente, ao seu remate, saberemos que día comeza a décimo terceira lexislatura.